CTL e FTEC presentan os seus propios netbooks

martes, 25 de marzo do 2008 Marcus Fernández

O 2go PC de CTL

O anuncio de Ahtec de lanzar un ordenador portátil de baixo custo semellante ó ClassmatePC de Intel non parece ser un caso illado, e nestes días están a aparecer outros fabricantes con equipos semellantes. Así, o vendedor de portátiles Computer Technology Link (CTL) deu a coñecer as especificacións o seu 2go PC, que tamén parece un ClassmatePC cun procesador Intel Celeron M, unha pantalla de 9 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles e retroiluminación LED, 512 Mb de RAM (ampliable a 1 Gb), 40 Gb de disco duro, Wi-Fi, webcam, lector de tarxetas SD/MMC, 2 portos USB 2.0, Ethernet e conectores para micrófono e auriculares.
O equipo véndese co sistema operativo Windows XP aínda que se anuncia que é compatible con Linux. Só pesa 3 libras (uns 1,36 quilogramos) e a súa batería de 4 celas lle permite unha autonomía de 3 horas.

Presentación dos FTEC Smart Books en Malaisia

A este equipo se suma o FTEC Smart Book, que vén de presentarse en Malaisia, e que tamén está orientado ós cativos (FTEC está a traballar na introdución destes equipos en centros de educación infantil). Presenta a mesma aparencia do ClassmatePC, e se vende en dúas configuracións a 1.199 e 1.299 ringgits malaios (240,37 e 260,42 euros respectivamente).
O modelo superior conta cun procesador Intel Celeron M, pantalla LCD de 9 polgadas, 512 Mb de RAM, 2 Gb de NAND Flash, Webcam, portos USB 2.0 e Linux, mentres que a versión básica ten unha pantalla de 7 polgadas e, en vez de disco Flash, inclúe un disco duro de 40 Gb. Adicionalmente se pode adquirir unha licenza de Windows XP Starter Edition por 99 ringgits malaios (19,85 euros).
Estes portátiles están orientados a un uso centrado na Internet, resultando axeitados para cativos, usuarios novatos ou coma segundo equipo. Segundo parece se fabrican en estreita colaboración con Intel, que quere bautizar este tipo de equipos coma netbooks, polo que podemos agardar que nos vindeiros meses se empregue tal palabra coma un termo xenérico.

Folleto do 2go PC de CTL