Cabana, unha aplicación móbil para ver vídeos cos amigos

mércores, 19 de abril do 2017 Marcus Fernández

A popular plataforma para a publicación de contidos na web Tumblr está a dar un paso moi interesante, xa que vén de presentar unha aplicación para iOS chamada Cabana, pensada para quedar cos amigos para conversar mentres se ven vídeos. Temos así unha aplicación de videoconferencia en grupo orientada ao consumo audiovisual sincronizado, de xeito achega un xeito moi social e divertido para ver vídeos de YouTube sen ter que estar na mesma localización.
Esta atractiva aplicación que busca recrear o ambiente de ver vídeos cos amigos diante do televisor chegará en maio a Android, e polo momento incluso está restrinxida a súa distribución para iOS, polo que enténdese que están a realizar un lanzamento progresivo para poder adaptar o servizo á súa demanda real, aínda que a grande dúbida é se Cabana callará entre os usuarios de Tumblr ou se conseguirá ter entidade propia e gañar o favor dos grandes consumidores de vídeo en liña, resultado que podería marcar a senda de Tumblr no futuro, xa que a compañía era reticente ao lanzamento de aplicacións independentes.

A aplicación permite organizar salas de videochat nas que ver vídeos cos amigos

PUBLICIDADE