Caen as vendas de videoxogos para as consolas de Sony e Nintendo

xoves, 30 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Sony presentou os seus resultados económicos trimestrais da súa división de videoxogos, presentando unha caída de ingresos interanuais do 18% quedando en 1.053.100 millóns de iens o que, xunto coa apreciación do ien levou á compañía a rematar cunhas perdas operativas de 58.500 millóns de iens. Curiosamente non só caeron as vendas de hardware, senón que as súas 3 consolas actuais (PS3, PSP e PS2) tamén reduciron considerablemente a venda de xogos.
Por exemplo, a PS3 só xerou 14,8 millóns, cando no mesmo período do ano anterior fixera 18,9 millóns, coa PSP tamén pasouse de 11,2 millóns a 8,3 milóns e coa PS2 conseguiron superar por un chisco os resultados da PSP con 8,5 millóns.
Pero Sony non foi o único fabricante nipón con mala sorte nos negocios, senón que a propia Nintendo veu caer as súas vendas un 40%, aínda que desta volta non sería só a conxuntura económica global a que afectaría á situación, senón que durante o trimestre analizado do ano pasado saíron grandes títulos coma Wii Fit e Mario Kart Wii, que supuxeron un incremento considerable nas vendas, e este ano non hai un fenómeno de tal nivel.