Carlos Barrabés acode esta semana a Santiago para falar de sustentabilidade e innovación

martes, 5 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) celebra este xoves 7 de marzo, en Santiago, a segunda sesión do ciclo APD Talks con Carlos Barrabés baixo o título Deseñando o mañá. Para quen non o saiba, Barrabés é o presidente do referencial grupo empresarial que leva o seu apelido e está considerado un dos profesionais españois máis influentes no ámbito empresarial. É fundador de Barrabes.com, unha das primeiras webs de comercio electrónico do mundo.
O relator ten diversos cargos representativos nunha manchea de entidades, e puxo en marcha máis de 20 empresas en diferentes eidos, amais de ser o impulsor de Step One, aceleradora de negocios en Silicon Valley e o creador de ESNEPI (Escola de Negocios do Pirineo). Amais, Barrabés é patrón da Fundación Empeza a Educar, da rede Teach For All e de Ashoka, primeira rede mundial de innovación en programas de emprendemento social.
No encontro falará sobre a importancia da sustentabilidade para o noso medre económico. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web de APD. A cita dará comezo ás 11.00 horas e desenvolverase até case a hora do xantar. Celebrarase no Hotel A Quinta da Auga, no 23B do Paseo da Amaia.

PUBLICIDADE