Celanova convoca un concurso de fotografía dixital sobre o Ano Xubilar de San Rosendo
mércores, 14 de novembro do 2007
A Rede vaille ben ós certames creativos de calquera índole e, a maiores, á creación mesma. Alén de que tamén é certo que deixa máis marxe para o plaxio e o emprego non solicitado de textos, imaxes e vídeos alleos, acurta a distancia entre o autor e os destinatarios. Ou sexa: que sempre haberá alguén ó que mostrarlle algo. Isto é en parte o que latexa embaixo do certame Celanova: un ano en imaxes que organizan o Concello desta localidade ourensá e a Fundación Curros Enríquez ó longo da segunda quincena deste mes de novembro.
Trátase dun concurso de fotografía en formato dixital que (atención) ten aberto o prazo de presentacións ata este venres 16 e que vai encamiñado a conmemorar o Ano Xubilar de San Rosendo. O concurso, que inclúe recoñecementos de ata 300 euros, servirá para dar conta, vía expresión fotográfica, das actividades relixiosas e socioculturais desenvolvidas na localidade ó longo de 2007 con motivo da devandita celebración.
Como dixemos, a achega das imaxes será en formato dixital, xa por medio dunha memoria flash, CD ou ben por correo electrónico, pero cunha calidade suficiente para poder realizar unha copia en papel de tamaño igual ou superior ó formato A4. Vía correo electrónico, este é o enderezo que debemos empregar para as achegas: cultura.celanova@gmail.com.
Na imaxe, a Praza Maior de Celanova vista por Álvaro Herraiz.
