Chega a España Zattoo, o primeiro programa de balde que permite ver a televisión no ordenador

luns, 25 de xuño do 2007 Raquel Noya

Nin conexións especiais, nin adaptadores de TDT, nin antenas parabólicas, nin tarxetas... nin ningún outro dispositivo dos que ata agora precisabamos para ver a televisión no noso ordenador nos van facer falta a partires de agora.
A televisión por Internet ou IPTV, xa é unha realidade en España grazas a Zattoo, o primeiro programa gratuíto que ocupa pouco máis de 60 megas no disco duro e que permite disfrutar directamente, no mesmísimo monitor do PC, das principais canles de televisión privada e pública do noso país.
O devandito programa é obra da empresa estadounidense Zattoo, afincada en San Francisco, que vén de comprobar como, nos últimos meses, o seu programa foi incrementando notoriedade por todo o mundo, abrindo novas sedes en Suíza, Dinamarca ou no Reino Unido.
O lanzamento de Zattoo no noso país fíxose público o pasado domingo 13 de xuño, coincindindo coa final da liga de fútbol, día no que se rexistraron centos de descargas nas primeiras horas nas que estivo dispoñible.
Para poder empregar o servizo, tan só hai que crear unha conta cun correo electrónico e unha clave e descargar o programa. A televisión a través de Zattoo móstrase nunha fiestra inserta no escritorio do ordenador que se pode ampliar ata ocupar toda a pantalla cunha calidade de imaxe bastante competente.
Polo de agora, a edición española de Zattoo non inclúe publicidade á marxe da incluída nas propias canles que se poden ver (La Primera, La 2, Antena 3, Cuatro, Telecinco, La Sexta...) pero non se descarta a posibilidade de que os anunciantes inserten ráfagas cos seus propios anuncios nun futuro, xa que os creadores de Zattoo aseguran que o seu servizo “é un marco perfecto para os anunciantes xa que o espectador ten o mesmo nivel de atención que cando ve a televisión”.