Clausurado o terceiro Congreso do Observatorio para a Cibersociedade tras bater cifras record de participantes
martes, 5 de decembro do 2006
ata 4.600 congresistas, achegando a súa voz e as súas opinións dende diferentes países de América, África e Europa, participaron na terceira edición do Congreso Online do Observatorio para a Cibersociedade (OCS), que pechou as súas portas (virtuais) este luns 4 de decembro, superando cifras record de asistencia logo de dúas semanas desenvolvéndose no eido do ciberespacio. A xuntanza en liña, que nesta ocasión levou por título Coñecemento Aberto, Sociedade Libre?, confirmouse (de novo) como un importante escenario de investigación, reflexión e debate sobre as novas tecnoloxías e a Sociedade do Coñecemento, así como doutras temáticas periféricas que favoreceron a interacción e as conversas abertas e cruzadas entre os asistentes.
A Consellería de Innovación da Xunta, xunto cunha longa listaxe de organizadores e patrocinadores, fixeron posible a celebración deste terceiro Congreso Online da Cibersociedade, no que se puxo en liña un nada desprezable volume de contidos inéditos (en formatos abertos e de libre acceso) equivalente a máis de 15.000 páxinas en papel, un acontecemento sen igual ata o de agora na Sociedade da Información. Ditos contidos e materiais atópanse dispoñibles na plataforma web do Observatorio.
