Clonezilla axuda a copiar e restaurar particións do noso disco duro

martes, 11 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Pantalla de inicio do Clonezilla Live

Unha práctica recomendada para facilitar a recuperación dun sistema informático é a separación dos disco duro en particións, de xeito que nunha se almacene o sistema operativo e os programas, e na outra os datos, de xeito que podemos reinstalar o sistema operativo en calquera momento sen perder información, pero reinstalar todas as nosas aplicacións habituais é unha tarefa longa que tamén podemos evitar se facemos unha copia da partición unha vez que teñamos no ordenador ao noso gusto, para poder recuperar este estado en calquera momento (coma se fose unha viaxe no tempo) para o que existen numerosas aplicacións de pago e de balde, podendo optar entre estas últimas por Clonezilla, aplicación que se pode executar dende un Live CD (disco de arranque) para facer unha copia exacta dunha partición FAT, NTFS, HFS+, ext2, ext3 e xfs.
Amais, tamén existe unha versión do programa para servidor que opera en redes locais, o que resulta moi práctico para o seu uso corporativo, especialmente pola súa opción de multicast que permite un clonado de particións masivo que permitiría a copia ou restauración de varios equipos á vez. Os responsables da aplicación aseguran que teñen probado esta solución para restaurar unha partición de 5,6 Gb en 41 ordenadores simultáneos dunha aula de informática en só 10 minutos, polo que a utilidade desta solución baseada en varios proxectos de código aberto parece máis que evidente.