Collen forza os rumores dunha nova PSP sen UMD

mércores, 29 de abril do 2009 Marcus Fernández

A PSP Go! tería un deseño semellante ao que se presenta nesta imaxe

Pese a que Sony sempre as desminte, nos últimos días disparáronse os rumores de que estaban a preparar unha nova consola portátil para tomar o relevo da actual PSP-3000, que en vez de chamarse PSP 2 ou PSP-4000 tería coma nome PSP Go! e presentaríase en sociedade durante a feira E3 que terá lugar no mes de xuño (e non chegaría ás tendas ata despois do verán).
A nova consola diría adeus ás unidades UMD, e suporía o adeus aos vellos soportes da PSP, de xeito que se podería mercar en modelos de 8 e 16 Gb de memoria interna, o que podería supor unha aposta definitiva contra a piratería e a favor das descargas dixitais. Incluso atrévense a apuntar que no momento do lanzamento da nova consola Sony contaría cunha tenda de descargas de xogos clásicos e novos con máis de 100 títulos.
No tocante á interface de uso, rumoréase que os botóns da consola estarían agochados detrás da pantalla nunha peza deslizante pero sen incorporar o segundo mando analóxico que esixen dende hai tempo os amantes aos xogos FPS (que o utilizan habitualmente para apuntar). Tampouco desbotarían a posibilidade de que a súa pantalla foxe táctil e incluíse cámara.
A cantidade de detalles deste rumor dan a entender que teñen fundamento, pero o que está claro é que non serán confirmados en ningún momento por Sony, pois iso provocaría unha caída de vendas da actual PSP (cando podería vender bastante ben de cara ao verán e tendo en conta que este ano están a traballar en reforzar o seu catálogo con grandes franquías).