Comeza en Berlín a 47 edición da feira IFA

venres, 31 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Pink abriu a feira cun concerto

Berlín acolle dende hoxe ata o 5 de setembro as últimas novidades da electrónica de consumo en 1.212 expositores que enchen a feira IFA. Para adiantar o evento durante o día de onte celebrouse un concerto da cantante Pink, que achegou o rock á noite berlinesa e serviría de inauguración lúdica da maior feira deste tipo a nivel mundial (coa presenza de empresas de máis de 30 países), que se celebra dende 1924.
A edición 47 de IFA abrirá ós seus visitantes un recinto feiral de 160.000 metros cadrados nos que se agardan máis de 212.000 visitantes, que poderán ver o último en televisión de alta definición, tecnoloxías sen fíos, banda larga... servirá así para medir a aceptación de tecnoloxías coma o Blu-ray, o HD DVD, os últimos teléfonos móbiles, os televisores planos e as solucións de televisión por IP.
A feira celébrase nun momento no que o mercado da electrónica está en plena efervescencia, cunha saúde excelente, polo que se agarda que trunfe e resulte do agrado dos consumidores que poderán achegarse as novidades tecnolóxicas máis interesantes.