Comezan as I Xornadas Virtuais de Literatura

xoves, 8 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Hoxe ás 17:00 horas comezan as I Xornadas Virtuais de Literatura organizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega que continuará os restantes mércores de novembro e que permitirá as persoas inscritas o seguimento dende os seu PC das conferencias das Xornadas a través da nova plataforma educativa creada pola AELG, o que abrirá os eventos a todo o mundo.
A plataforma de formación da Asociación permite ver por videoconferencia eventos en directo, o que se complementa con chats, foros de educadores e diversos materiais para o desenvolvemento teórico-práctico nas aulas dos temas tratados.
Esta iniciativa pioneira na divulgación universal de contidos culturais contará cos traballos de Xavier P. Docampo, Ramón Nicolás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz, Víctor Freixanes, Mercedes Queixas, Óscar Sánchez e Pedro Silva; sendo de especial relevancia para os internautas estes dous últimos, xa que Sánchez é o autor do blog Días Estranhos, mentres que Silva é o creador e administrador de Blogaliza.