Comezan as cancelacións para o CES de Las Vegas

mércores, 22 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Entre o 5 e o 8 de xaneiro está prevista unha nova edición do CES de Las Vegas, unha das meirandes feiras de electrónica de consumo a nivel mundial, que estaba previsto que se celebrase principalmente de xeito presencial, aínda que con algunhas actividades virtuais, e aínda que o evento ten uns protocolos sanitarios moi completos, as tornas poderían virar e pode que o evento sexa máis dixital que físico ante o rápido espallamento da variante ómicron da COVID-19.
Dende Bloomberg xa apuntan que Amazon, Meta, Pinterest, Twitter e moitas outras compañías están a cancelar a súa participación presencial no CES en resposta á repunta global de casos da COVID-19; mentres que outras compañías como T-Mobile aseguran que van reducir a súa presenza na feira, mentres que nVIDIA realizará a súa presentación de xeito virtual; Samsung asegura que contará cunha pequena representación no evento apostando máis polas experiencias en liña; e outras empresas están aínda a valorar a situación, preparando xa plans para trasladar as súas presentacións á Rede, anticipándose a unha nova edición do CES descafeinada.

Preocupación polo Mobile World Congress

O que está a acontecer co CES de Las Vegas pode ser motivo de preocupación para o Mobile World Congress de Barcelona, previsto entre o 28 de febreiro e o 3 de marzo de 2022, que en 2020 foi o primeiro grande evento tecnolóxico en cancelarse e en 2021 celebrouse fóra de data (axuste no calendario que provocou a súa irrelevancia), e unha nova edición de baixo impacto podería ter serias repercusións sobre a organización do evento, que ten que cumprir certos compromisos contraído tras a cancelación da edición de 2020.

PUBLICIDADE