Compostela acollerá un segundo Startup Weekend dirixido ao sector da educación

mércores, 22 de novembro do 2017 Marcus Fernández

JPEG - 208.1 KB
Participantes na edición do ano pasado de Startup Weekend EDU

Tras cinco edicións do Startup Weekend en Galicia, o ano pasado o evento reformulouse para orientarse á educación, e este ano continúan pola mesma senda, de xeito que entre os días 15 e 17 de decembro celebrarase no Centro Abanca Obra Social de Santiago de Compostela a segunda Techstars Startup Weekend EDU, na que persoas ligadas ao mundo da educación, a tecnoloxía e o emprendemento danse cita para identificar e propor solucións a retos da educación de hoxe en vía.
Os participantes divídense en equipos que traballarán xuntos durante 54 horas para crear ferramentas de base tecnolóxica enfocadas a resolver un problema concreto na educación ou entre os estudantes de calquera nivel educativo.
Por iso, a organización do evento convoca a estudantes interesados no deseño de interfaces, o emprendemento ou a mellora da educación, profesores con ganas de compartir a súa visión e experiencia, desenvolvedores informáticos, deseñadores, emprendedores e, en definitiva, calquera que poidan axudar a levar adiante os retos que se propoñen nestas xornadas de colaboración.
Este novo Startup Weekend EDU contará cun par de relatoras (Alba Alonso e Raquel Pedrouso), un xurado moi diverso (composto por Víctor Salgado, Jacobo García-Durán, Pablo Gajino, Mari Carmen López Gómez e Guillermo Viña) e un amplo número de mentores (María José Rodríguez Malmierca, Roberto Pérez Marijuán, Isaac Gómez, Ciu Longuina, Cristina Gamallo, Alba Alonso e Rosa Vázquez Roel).

PUBLICIDADE