Compuspain convértese no maiorista oficial da galega Blusens

martes, 8 de xullo do 2008 Raquel Noya

A firma provedora de produtos e servizos tecnolóxicos, Compuspain, e maila galega Blusens, veñen de asinar un acordo de colaboración mediante o cal o primeiro se converte no maiorista oficial da compañía tecnolóxica compostelá. Con este convenio, Compuspain incorporará ao seu catálogo de produtos as últimas novidades que ofrece Blusens en materia de comunicacións, fogar dixital e mobilidade, tales como navegadores, GPS, reprodutores de DVD, discos duros externos, monitores, sintonizadores de TDT, reprodutores MP3 e MP4 ou DVD portátiles, entre outros artigos.
Pola súa parte Blusens contará con Compuspain como novo maiorista para a súa canle de distribución, beneficiándose “da experiencia e da calidade de servizo” que ofrece esta firma que ten delegacións en distintos puntos de España.
O devandito acordo de colaboración representa para ámbalas dúas compañías “unha forte aposta pola innovación, a calidade e a expansión” e foi asinado co obxectivo de ofrecer “o mellor servizo e sobre todo, ofrecer un catálogo cada vez máis amplo de produtos”.