Continúan os rumores dun ultraportátil con pantalla táctil de Apple

martes, 10 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Idea de cómo podería ser o novo equipo de Apple

Dende o lanzamento do iPhone non foron poucos os rumores de que Apple prepararía unha versión grande do dispositivo coma ordenador de man, que aumentaron ante o éxito de vendas de vendas dos ultraportátiles de baixo custo, e aínda que a compañía desmentiron estes rumores en numerosas ocasións, indicando que non lanzarían equipos de baixo custo que estarían lonxe das expectativas dos seus usuarios, nos últimos días o ruxerruxe volve a apuntar a que Apple lanzaría un ultraportátil con pantalla táctil na segunda metade do ano.
O equipo tería unha pantalla de entre 9,7 e 10 polgadas, pois a compañía de Cupertino estaría a establecer contactos con fabricantes coma Wintek ou Quanta para a produción dos futuros equipos.
Habería que lembrar que, aínda que sexa posible utilizar Mac OS X en moitos dos ultraportátiles actuais, a súa experiencia de uso non é moi positiva co tamaño da súa pantalla, pois moitas das aplicacións actuais superan os 600 píxeles de alto que normalmente teñen estes equipos, o que é un argumento de peso para pensar que, de lanzar algo nesta dirección, non se trataría dun mero ultraportátil, senón dun produto revolucionario.

Algúns usuarios veñen demandando unha versión grande do iPhone