Coruña Bloggers adianta unha semana a súa edición de marzo

luns, 12 de marzo do 2018 Marcus Fernández

O encontro solidario Coruña Bloggers, que o último mércores de cada mes xunta a interesados no mundo dos blogs, as redes sociais e o sector TIC en xeral no salón de actos da Fundación Barrié da Coruña, instando aos asistentes a acudir cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para a súa entrega á Cociña Económica, ten xa aberta a inscrición para a edición deste mes, a número 16, que de xeito excepcional adiántase ao 21 de marzo (para non coincidir coa Semana Santa).
O XVI Coruña Bloggers abrirá con José Antonio Vázquez, director xeral da empresa de hospedaxe web Andaina.net, quen impartirá unha charla sobre a seguridade e a optimización do xestor de contidos máis empregado a nivel mundial, WordPress (empregado polo 57% dos blogueiros coruñeses).
Completarán a xornada Julya Pepry e Fanny Looks, blogueiras que nesta ocasión achegarán as súas claves para facer un bo directo en Instagram e Facebook, elementos que consideran fundamentais para influencers e marcas para atraer e reter seareiros nas redes sociais.
A xornada que desenvolverase de 19:30 a 21:00 horas na Fundación Barrié, continuará cunha sesións de networking en La Taberna de Rita, un local de hostalaría próximo.

PUBLICIDADE