Coruña Dixital chega á súa terceira edición

luns, 17 de decembro do 2018 Redacción

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, deu a coñecer esta mañá as novidades do programa Coruña Dixital, que comeza unha terceira edición de actividades co obxectivo de «activar novas comunidades e conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade que traballar en torno a novas prácticas culturais, creativas e sociais que se producen pola influencia do desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías».
Esta rede contará nos primeiros meses «cun espazo propio con programación regular e outras actividades no Centro Ágora» que funcionará de referencia para continuar coa divulgación e o apoio á comunidade dixital local. «Alí compartirá sinerxías cunha iniciativa apoiada polo Goberno local como é a oficina de cooperación audiovisual, unha aposta do Concello coa Academia Galega do Audiovisual, proxectos arredor das novas tecnoloxías e a reflexión audiovisual que converxen no Centro Ágora», avanzou Sande, que incidiu tamén en que este espazo favorecerá a conexión entre as persoas interesadas na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento de proxectos innovadores.
Co inicio desta terceira edición de Coruña Dixital coincide tamén a activación da programación do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) para este ano, que comeza mañá co encontro ​Que hai en Internet? no que participan o tuitero coruñés El Hematocrítico e o responsable de proxectos audiovisuais de Zemos98, Felipe G. Gil.
Tal e como indicou o responsable municipal, que compareceu acompañado do coordinador da iniciativa, Sergio Lago, e do xerente da empresa adxudicataria, Diego Parajó, Coruña Dixital é unha proposta que permite vincular moitas das iniciativas que, nese eido, se desenvolven na cidade e que «cadraba moi ben con outras formulacións realizadas dende outras áreas do Goberno local como o Co-Lab e que permitía activar novas comunidades e conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade con axentes, procesos e experiencias inspiradoras». Neste sentido, Lago indicou que a maneira de colaborar e participar, que ata o momento se realizaba a través de encontros e talleres, vai cambiar este ano, ao dispoñer dun espazo permanente de traballo, o que permite abordar cuestións nas que profundar durante varios meses e en diferentes grupos como son as novas narrativas dixitais na rede, o videomapping, gamificación e a aplicación da realidade aumentada en moitos aspectos culturais.
«Nos primeiros dous anos estivemos traballando en liñas como o movemento de software libre, no que mesmo se creou un novo grupo, CoruñaHacks, novas aplicacións de uso social ou no movemento maker, no que a asociación BricoLabs conseguiu un espazo permanente na Domus», lembrou. O relanzamento dos grupos de traballo e as novidades na programación daranse a coñecer a través da páxina web da iniciativa.

PUBLICIDADE