Delicious Library 2 permite catalogar coleccións en Mac OS X

martes, 27 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os maqueiros que teñan catalogados os seus libros, discos, videoxogos e películas no seu ordenador posiblemente estean a utilizar a aplicación Delicious Library, que destacaba especialmente por permitir a lectura de códigos de barra coa webcam do ordenador o que facía moi doada a súa incorporación á base de datos, e agora estrea a súa versión 2.0 que supón unha importante evolución incluíndo máis de 100 novidades.
A nova entrega da aplicación informática ten un maior rendemento gráfico, intégrase absolutamente con iTunes e Leopard, mellora as buscas por voz, permite engadir varios elementos á vez, conta con estantes intelixentes, engade categorías para poder rexistrar case de todo (coma xogos de mesa ou trebellos electrónicos), permite publicar na web cun único clic (compatible con .Mac, iWeb e varias aplicacións FTP) creando incluso versións adaptadas ao iPhone (o que facilita compartir o noso catálogo cos amigos).
O programa véndese a través da Internet por 40 dólares, e os usuarios de PC poden conformarse cunha aplicación moi semellante (por non dicir clónica), Libra, que é de balde para uso non comercial.