Deliveroo anuncia a súa intención de pechar en España

venres, 30 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A compañía de reparto de comida a domicilio Deliveroo, con preto de 9.000 restaurantes en máis de 70 cidades e concellos de España, está a comunicar o inicio dun procedemento de consulta para o cesamento das súas operacións no noso territorio, período durante o que seguirán a operar con normalidade, e aínda que din a decisión final non está tomada (aínda que as declaracións dos directivos da compañía apuntan a que é firme), todo apunta a que a compañía pechará en España como consecuencia da aprobación da chamada Lei Rider.
Precisamente este servizo disparárase durante a pandemia, tanto a nivel de pedidos como de solicitudes para traballar como repartidor, asegurando a compañía que actualmente reciben á semana preto de 1.500 solicitudes para colaborar como rider, cando antes o habitual era recibir unhas 600.
O cambio lexislativo entraría en vigor o 12 de agosto, e dende Deliveroo consideran que as condicións que impón o Goberno farían que a súa actividade fose inviable, especialmente porque en España ten unha forte competencia (Just Eat, Glovo e Uber Eats cóllenlle a dianteira en moitas cidades) polo que manter unha boa posición de mercado requiriría un nivel de investimento moi elevado, que faría perigar ao futuro da empresa.
Dende Deliveroo non mencionan á Lei Rider como causa da decisión de peche de actividades, aínda que levan meses manifestándose contra tal regulación, denunciando que prexudica especialmente aos traballadores aos que pretende protexer.
Nas vindeiras semanas é posible que vexamos medidas semellantes por parte doutras de reparto a domicilio.

PUBLICIDADE