Desvelan os participantes da terceira edición do Galicia Podcast Summit

mércores, 12 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Tras un par de edicións de éxito, o Galicia Podcast Summit prepara a súa última entrega da tempada, que terá lugar no centro de empresas Accede Papagaio da Coruña o vindeiro 26 de xuño ás 16:30, baixo o lema Como vivir do podcasting?. A cita, para a que xa está aberta a inscrición, abrirá cunha conexión remota con Alba Carballal, galega que dende Italia está a ofrecer contidos sobre Fórmula 1.
O evento contará coa participación especial de Jorge Marín Nieto, responsable de Al otro lado del micrófono, un metapodcast dedicado a impulsar o podcasting comentado novas, eventos, ferramentas ou experiencias persoais relacionadas co medio.
Tamén estarán presentes a experta en marca persoal e podcasteira Mariam Veiga; o produtor, editor e mentor de podcasts corporativos, e responsable do podcast Comunicar, más que hablar, Jesús Pérez Santiago; e a consultora de márketing Lucía Ortega Rodríguez, unha das responsables do podcast Emprendedores Antifrágiles.
Durante os meses de verán esta serie de eventos descansará, analizando o resultado das súas primeiras edicións para definir como será o seu retorno o vindeiro curso.

PUBLICIDADE