Discord súmase á moda das salas de audio

mércores, 31 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Nun momento no que Clubhouse puxo baixo os focos o audio social, e mentres Twitter, Facebook, LinkedIn, Spotify e outras compañías preparan a súa resposta, dende Discord reaccionan e incorporan aos seus servidores os Stage channels, un novo tipo de canle de Discord que pon o foco en conversas dun grupo reducido de usuarios ao que poden unirse máis persoas como oíntes (que tamén poden tomar a palabra nalgún momento).
Dende Discord consideran que este tipo de canle pode resultar moi práctico para certos eventos, como poden ser entrevistas, sesións de preguntas e respostas, para clubs de lectura ou incluso para noites de karaoke. Estas canles teñen moderadores que serán os que elixan que pode falar e os oíntes poden erguer as súas mans en calquera momento para pedir a palabra, buscando así que as sesións teñan certa orde.
A grande vantaxe que ten esta plataforma para organizar salas de audio é que Discord conta cunha grande base de usuarios e está dispoñible como aplicación para Windows, macOS, Linus, iOS, Android e incluso vía web, de xeito que está dispoñible para practicamente calquera usuario da Internet.

PUBLICIDADE