Dispoñíbel unha nova publicación da UVigo con claves para usar o galego no eido TIC

luns, 23 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Área de Normalización Lingüística da UVigo quere rematar o ano botando unha man a todo aquel usuario de tecnoloxías que traballe coa lingua galega nas súas comunicacións e queira afinar ao máximo o seu correcto emprego do idioma ante a proliferación, a todos os niveis, de estranxeirismos, topónimos e xentilicios foráneos, amais de termos tecnolóxicos que, malia impoñerse na súa versión inglesa, poden (e deben) ter versión na nosa lingua. Para axudar neste punto, a ANL publicou un manual dispoñíbel en PDF con recomendacións e solucións a dúbidas comúns e recorrentes, abordando aspectos non tratados nos volumes anteriores do manual (os de 2013 e 2015) e emendado eivas previas.
Neste terceiro manual, Na universidade onde queiras pero coa lingua (PDF), séguese afondando en cuestións ortográficas, fonéticas, morfolóxicas e léxicas, á vez que ofrecen diferentes listaxes prácticas, entre elas de estranxeirismos. Sobre este último punto as autoras da ferramenta (Eva María Castro e María Cristina Rodríguez, técnicas superiores da ANL) indican que corremos o risco, grazas aos medios de comunicación, de trasladar palabras a outras linguas no canto de empregar feituras nosas perfectamente válidas. Por exemplo, termos de uso común na linguaxe de empresas e servizos TIC como abstract no canto de resumo, app de aplicación, spam por correo lixo, smart city no canto de cidade intelixente, bullying ou por acoso escolar, business class por clase preferente ou boom por éxito ou auxe... Estes son só algúns dos múltiples exemplos que se inclúen na obra. “A maioría das veces son innecesarios porque a lingua galega xa posúe un termo para designar ese obxecto ou concepto”, recalcan as autoras.
En total, o libro divídese en sete capítulos. O primeiro está dedicado ás denominadas Urxencias ortográficas e nel trátanse desde diferentes dúbidas relacionadas coa acentuación, ata as contraccións coas preposicións ou casos especiais de pronunciación. O segundo céntrase nas cuestións morfolóxicas, incluíndo algúns usos especiais do posesivo, os verbos con alternancia vocálica, o bo uso das preposicións ou unha listaxe de palabras que a miúdo se escriben de xeito incorrecto por non saber se van xuntas ou separadas (apenas, acotío, amodo, devagar, a parte, ao redor, no entanto...). O terceiro capítulo son observacións sobre o léxico e nel inclúen parellas e tríades de palabras nas que acostuman producirse erros. O cuarto capítulo é o que se centra nos estranxeirismos; o quinto está adicado aos topónimos e o sexto céntrase nas siglas e acrónimos máis habituais.

PUBLICIDADE