DivX Connected incorpora soporte de vídeo en Flash

mércores, 10 de setembro do 2008 Marcus Fernández

As series de televisión publicadas en Hulu pódense ver comodamente no televisor grazas á actualización de DivX Connected

A xente de DivX non se conforma con que boa parte dos reprodutores de DVD (e incluso consolas de videoxogos) acollan o seu formato de compresión de vídeo e quixo comezar a licenciar a súa tecnoloxía para reprodutores multimedia autónomos baixo a marca DivX Connected que coma referente ten ao D-Link DSM-330, un dispositivo que permite levar ao televisor vídeos, imaxes e vídeos almacenados no PC ou na Internet a través de Wi-Fi, pero que vén de actualizar o seu software de servidor de xeito que incorpora soporte de vídeo en Flash, o que fai que os contidos de servizos coma Hulu, College Humor, YouTube, ABC News, Dailymotion ou Vimeo estean accesibles.
Con esta actualización a tecnoloxía DivX Connected pode competir seriamente con dispositivos coma o Apple TV, pois dende DivX tamén subministran as ferramentas para que os desenvolvedores adapten as súas plataformas de vídeo baseadas en Flash para estar accesibles dende os dispositivos DivX Connected.