Dream Machine permite crear vídeos partindo de textos e imaxes

venres, 14 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Hai uns meses os creadores do ChatGPT, OpenAI, anunciaron Sora, un modelo de IA capaz de crear escenas de vídeo de grande realismo, que promete uns resultados moi superiores ao de proxectos como Gen-2 Runway ou Lumiere, pero esta tecnoloxía está aínda nunha fase de probas pechada a uns poucos afortunados, de aí que o lanzamento de Dream Machine por parte de Luma AI estea a causar furor, xa que esta ferramenta de xeración de vídeo mediante IA está dispoñible de balde en aberto.
Dream Machine é un modelo de intelixencia artificial capaz de xerar vídeos realistas de grande calidade partindo de texto e imaxes e, aínda que actualmente presenta bastantes erros, fai doado crear secuencias de acción partindo de imaxes estáticas, así como crear mundos con personaxes consistentes e captura a atención do espectador a través de movementos de cámara cinematográficos, polo que as súas posibilidades de creación son moi grandes, e as redes sociais están a inundarse de pequenos vídeos nos que demostran esta ferramenta capaz de levar imaxes á vida dun xeito impactante.
Dende Luma AI recoñecen que Dream Machine aínda ten problemas coa xeración de texto, con algúns movementos e coa transformación de suxeitos (que poden non manter a súa coherencia física), pero falamos dunha ferramenta que está aínda en desenvolvemento, e na súa forma actual xa pode resultar moi atractiva para experimentar coa creación de vídeo sintético.

PUBLICIDADE