Eganet entrega este xoves en Santiago os seus premios ó compromiso TIC

mércores, 21 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Xa queda menos para saber (polo menos, segundo o xurado convocado por Eganet) quen fixo máis nestes tempos por acadar que aquilo que afasta a Galiza da Rede sexa definitivamente máis pequeno có que lles é común. A todos os niveis: social, empresarial e institucional. Falamos dos Premios Eganet 2008, a quinta edición dun certame que xurdiu para normalizar as novas tecnoloxías recoñecendo iniciativas galegas a prol delas.
A cita para coñecer de primeira man os nomes dos premiados este ano será este xoves no Hotel Monumento de San Francisco (na imaxe), a partir das 20.00 horas e nunha gala dirixida e presentada polo xornalista Fran Hermida. Máis polo miúdo, os obxectivos destes galardóns son estimular o labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes que deseñan, programan e desenvolven produtos e servizos que teñen en Internet e noutras novas tecnoloxías da información a súa razón ser.
Os Premios Eganet 2008 abranguen un premio especial e as seguintes 9 categorías:
· Premio E-emprendedores
· Premio Software Libre
· Premio Cultura Dixital
· Premio Comunicación Web Empresarial
· Premio Sociedade Web
· Premio Aplicación on-line
· Premio E-Commerce
· Premio Publicidade online
· Premio Tecnoloxía Accesible e Segura