Egatel leva a Amsterdam a súa tecnoloxía para aumentar o rendemento dos transmisores

mércores, 4 de setembro do 2013 Redacción

Entre o 13 e o 17 de setembro terá lugar en Amsterdam a Convención Internacional de Radiodifusión IBC 2013 á que acudirá Egatel
- empresa galega do sector das telecomunicacións situada na Tecnópole ourensá- cun proxecto que é quen de aumentar até un 42% o rendemento dos transmisores. Emporiso, baixo o lema A tecnoloxía máis avanzada feita para durar, Egatel amosará novas configuracións da gama de transmisores UHF de alta eficiencia (Serie HET) tanto en media como alta potencia, refrixerados por aire ou líquido. Deste xeito, dentro da serie de transmisores con refrixeración por líquido TLE6800, caracterizada polo seu deseño completamente modular, presentarase a opción de integrar o sistema de bombas no mesmo rack que o transmisor.
A tecnoloxía Doherty, aplicada nos amplificadores, achega un rendemento de até un 42% para estándares ATSC e dun 38% para COFDM, optimizando de xeito significativo o consumo enerxético e, por tanto, os custos de operación.
Asemade, e con independencia da potencia ou sistema de refrixeración empregado, Egatel ofrece os seus moduladores en deseños de 1U 19" para os estándares DVB-T/-H/T2, ISDB-T/TB e ATSC, cumprindo cos máis altos parámetros técnicos de calidade. A precorrección dixital adaptativa ofrécese de serie en case todas as configuracións e sérvese de solucións intuitivas para a operación e o mantemento, como son o uso de programas de control baseados en servidores web embebidos, memorias extraíbles con inserción frontal para a carga e descarga de configuracións e solucións de supervisión remota sobre SNMP.

PUBLICIDADE