En marcha unha nova publicación de balde sobre videoxogos: Fase Extra Magazine

xoves, 5 de setembro do 2013 Redacción

Esta semana púxose a disposición dos seareiros dos videoxogos unha nova publicación de balde, interactiva e desenvolvida para iPad. Trátase de Fase Extra Magazine, unha revista sobre lecer tecnolóxico que bota man de Tablet Planet, solución para a achega de contidos hipermedia desenvolvida pola firma española RDL Tech. O lanzamento do primeiro número acompáñase de portadas animadas, videoentrevistas, audiovisuais, sons e outros recursos de interactividade. Segundo informan os responsábeis da revista, esta salienta por fornecer unha ollada moita máis próxima á industria dos videoxogos, ademais de por achegar unha información global de produtos comerciais e tamén de produtos independentes e alternativos da industria española.
A publicación, xa dispoñíbel na App Store, subminístrase por números en descarga individual ou ben a través de subscrición de balde. A editora de Fase Extra Magazine é 1bs Group, empresa de comunicación asturiana especializada no sector audiovisual e multimedia, posta en marcha no ano 2000 por Ángela Herrero Arnaldo.

PUBLICIDADE