En marcha unha nova rede de investigación tecnolóxico-lingüística formada por grupos da USC e a UVigo
martes, 20 de novembro do 2012
O CiTIUS, centro de
investigación da Universidade de Santiago, acolleu
este luns a posta en marcha da rede Tecnoloxías e análise de
datos lingüísticos. A andaina deste novo grupo de I+D deu
comezo coa primeira xeira de traballo das/os súas/seus integrantes,
celebrada no salón de actos do CiTIUS. A rede conta co pulo dun
equipo de investigadores pertencentes ao Instituto da Lingua Galega
da USC, sendo o seu obxectivo fundamental, neste novo labor, procurar
o aproveitamento de sinerxías de traballo entre os diferentes eidos
do coñecemento. A rede está integrada por seis grupos de I+D dos
sectores lingüístico, informático e estatístico. A xeira deste
luns abriuse cunha introdución a cargo da investigadora Rosario
Álvarez Blanco, previa á presentación dos proxectos da rede
propiamente dita.
A primeira parte da
sesión, informa o CiTIUS, estruturouse en catro intervencións de
media hora, dedicándose 20 minutos á exposición de cada proxecto
e 10 ás intervencións e comentarios dos investigadores. Na primeira
delas, Elisa Fernández Rei falou dos Estudos perceptivos da
entoación dialectal; en
segunda quenda, Xosé Luís
Regueira presentou CORILGA:
transcrición e etiquetaxe;
pola súa banda, Xulio
Sousa introduciu a Xeografía
Lingüística, mentres
que Xavier Gómez Guinovart pechou esta primeira parte da reunión de
traballo disertando sobre Galnet:
o Wordnet do Galego.
A
segunda parte da sesión, engade o centro da USC, reservouse
integramente á posta en común. As liñas de traballo desenvolvidas
nesta primeira xuntanza de traballo xiraron arredor, sobre todo, de
cuestións organizativas, “amais de en fundamentar
as liñas de actuación da rede cara ao futuro”,
sinálase.
Proposta coma unha
alianza estratéxica apoiada directamente na cooperación
interdicisciplinar, a rede conta, como dixemos, coa participación de
distintos grupos de investigación das universidades de Santiago
(USC) e Vigo (UVIGO). Pola banda das TIC, o CiTIUS está
representado polos grupos de investigación COGRADE (Gráficos por
Computador e Enxeñaría de Datos) e GSI (Grupo de Sistemas
Intelixentes). A Universidade de Vigo concorre neste eido TIC co
Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM-UVIGO), pertencente ó
Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións.
O
sector de Lingüística complétase co grupo TALG (Tecnoloxías e
Aplicacións da Lingua Galega, da Uvigo). A rede compleméntase co
grupo de estatística MODESTYA (Modelos de Optimización, Decisión,
Estatística e Aplicacións, da USC).