Entradaslugo.es distribuíu 37.489 entradas ao longo do 2025

venres, 23 de xaneiro do 2026 S. P.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, fixo balance da programación cultural no ano 2025 a través das entradas distribuídas en entradaslugo.es, "unha cifra récord de participación nos espazos municipais de artes escénicas", segundo explicou.
Lugo pechou o ano con 37.489 entradas distribuídas a través deste portelo virtual, o que supuxo un ingreso de preto de 125.000 euros para o Concello. A edil Maite Ferreiro destacou que a Tenencia de Alcaldía organiza “unha programación ampla e diversa, con prezos accesibles para todas as persoas, o que nos permite chegar a públicos moi distintos, con espectáculos familiares ou propostas teatrais e de danza punteiras”.
Do total de entradas distribuídas nas actividades organizadas directamente polo Concello, 14.205 corresponden aos eventos programados no Auditorio Municipal Gustavo Freire, contando tanto os abonos da programación teatral semestral coma as entradas soltas. Pola súa banda, as dúas salas do Auditorio Fuxan os Ventos rexistraron 23.284 entradas adquiridas, consolidándose como un espazo de referencia para compañías galegas, concertos de artistas emerxentes e actividades promovidas por asociacións culturais da cidade. A isto hai que sumar os eventos privados celebrados nas dúas instalacións, cuxas entradas se distribuíron por outras canles de venta.