Entran en produción as pantallas enrolables de Polymer Vision

luns, 17 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Imaxe do Readius de Polymer Vision

A empresa nacida de Royal Philips Electronics, Polymer Vision, anunciou que as súas pantallas enrolables entraban en fase de produción, de xeito que dende este mes de decembro se comezará a dar saída a este tipo de revolucionarias pantallas segundo a súa demanda, que se agarda que medre a un bo ritmo, pois poderá cambiar o xeito de entender moitos terminais móbiles.
As pantallas enrolables permiten combinar as demandas de pantallas de grande tamaño con terminais de volume reducido, e nun principio Polymer Vision comezará a entregar o seu dispositivo Readius, que combina unha pantalla enrolable de 5 polgadas cunha conexión de alta velocidade (3G) que permite achegar de xeito instantáneo novas e informacións personalizadas.
Agárdase que este tipo de tecnoloxía se vaia incorporando paulatinamente ó sector da telefonía móbil, de xeito que se eliminarían as carencias das pequenas pantallas integradas na meirande parte de terminais actuais.