Entregados os galardóns ás mellores innovacións da mocidade galega

venres, 27 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Finalmente a vocación investigadora deu os seus froitos e as rapazas e rapaces que amosaron ao longo destes días os seus enxeños en Galiciencia conseguiron tres ou catro cousas ben salientables: chamar a atención de boa parte do tecido mediático, situarse no punto de mira dunha porción importante dos responsables da súa contratación futura, intercambiar información e recursos e, a maiores, obter o máximo recoñecemento dos visitantes á feira. Sobre este punto, houbo de todo: dende o máis informal (os moitos parabéns que se deron estes días entre os stands da mostra organizada pola Tecnópole) ata o máis oficial, entre o que se contan, precisamente, os Premios Galiciencia 2009. A este respecto, informa o parque empresarial ourensán, o xurado decidiu galardoar os seguintes enxeños:
· Un estudo sobre o iogur e o kéfir desenvolvido por estudantes vascos. A finalidade do mesmo era amosar ata que punto son realmente beneficiosos os alimentos probióticos.
· Unha mochila ergonómica deseñada polos alumnos ourensáns Álex García Tellado, Antonio Cañizo Outeiriño e Juan Mata Naranjo. Os estudantes, do Colexio Guillelme Brown, incluíron no enxeño uns contrapesos que distribúen o peso por todo o lombo.
· Unha análise científica dos diferentes tipos de areas dunha praia de Bueu, elaborado polas estudantes viguesas Laura López Goicoa e Covadonga López Pérez, do Colexio Alborada. O seu traballo consistiu nun estudo comparativo dos materiais do areal de Lagos, famoso por contar con tres áreas ben delimitadas polo diferentes tipos de grans.
A entrega de premios, que se celebrou hoxe mesmo contando coa presenza do director xeral de I+D (Ricardo Capilla), puxo de manifesto o alto nivel de innovación despregado este ano e nas máis diversas materias: dende novas tecnoloxías da información (como a ferramenta Handtracking v2.0 dos estudantes do IES Rosalía de Castro de Santiago e que consiste nun sistema para manexar TICs cos movementos do corpo) ata alimentación, pasando por enxeñería do automóbil e robótica.
Os galardóns achegados hoxe, para os que optaron os 104 expositores de Galiciencia (presentes no devandito acto), incluíron ata tres categorías (1º ciclo da ESO, 2º ciclo da ESO e Bacharelato/FP) e foron seleccionados polo xurado entre os 15 proxectos da provincia de Pontevedra, os 15 de Ourense, os 9 da Coruña, os 4 de Lugo, os 6 de Barcelona e un de Guipúzkoa.