Eric Schmidt predí que a telefonía móbil estará subvencionada pola publicidade no futuro

martes, 14 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Os contidos de balde a cambio de publicidade son o modelo de negocio máis habitual na Internet, pero dende Google pensan que esta fórmula tamén se pode espallar con éxito ó mundo da telefonía móbil, e o propio Eric Schmidt afirmou que no seu parecer os usuarios poderán contar no futuro con telefonía móbil gratuíta a cambio da recepción de publicidade.
Esta posible modalidade de telefonía móbil consistiría na subvención das chamadas, de xeito que as operadores de telefonía continuarían a achegar ingresos, pero serían os anunciantes os que pagarían estas cantidades.
Estas afirmacións están na liña das últimas probas de Google para levar publicidade ós móbiles tanto en formatos de texto, gráficos e mesmo vídeos, o que podería supor toda unha revolución no xeito de ver os nosos terminais de telefonía, que ademais resultarían máis atractivos para certas campañas publicitarias, xa que contan con máis atención por parte dos usuarios que outros soportes con máis cantidade de impactos pero menos efectividade.

PUBLICIDADE