Especialistas en robótica de toda Europa danse cita a vindeira semana en Vigo
venres, 5 de setembro do 2008
A robótica xa hai tempo que deixou ser unha sucesión de máquinas encamiñadas a facer por nós as tarefas que nos corresponden. Ou sexa: dirixidas a deixarnos máis tempo de lecer para estar deitados no sofá. A robótica real é outra cousa (superado xa o síndrome Curtocircuíto), un eido científico e de investigación que, malia ir destinado certamente a mellorar a nosa calidade de vida, abrangue cuestións tan importantes como a loita contra as doenzas do noso tempo, a redución de sinistros nas estradas ou a axuda no día a día a persoas con diversidade funcional. Afondar nos camiños a seguir por estes vieiros máis sociais e comprometidos da robótica é un dos grandes obxectivos do congreso nacional que se celebra a vindeira semana na Escola Técnica Superior de Enxeñería Industrial de Vigo (ETSEI), chamado WAF 2008.
O encontro, que se desenvolve do mércores 10 de setembro (co acto pechado de benvida aos participantes) ao venres 12, incluirá unha sesión informativa cos medios na xornada do día 11, ás 11.00, complementando a apertura oficial na que está prevista a presenza do alcalde Abel Caballero e o reitor Alberto Gago. Na imaxe, de J. Lores, o robot Rato acompañando unha completa reportaxe no Faro de Vigo sobre as súas funcións.
Trala sesión de apertura, desenvolveranse diferentes demostracións de exemplos propios de robótica industrial e móbil na sala central da ETSEI de Vigo, proxectos e prototipos xurdidos no eido da dita Escola entre os que se conta o devandito Rato (máquina que é quen de moverse con liberdade por un fogar ou unha oficina levando a cabo todo tipo de tarefas de transporte), amais de outros deseños bípedos xa en fase operativa. Entre as actividades que vai incluír a oitava edición de WAF (logo do seu paso por distintas universidades do estado español), inclúese unha completa listaxe de sesións plenarias que, entre outros representantes da intelixencia artificial, contarán coa presenza do profesor Wolfram Burgard (da Universidade de Freiburg) o ou de M. Á. Salichs (da Universidade Carlos III), quen falará da vertente máis social deste eido científico.
