Este xoves celébrase o Blogak 2.0, un evento encamiñado a separar o gran da palla da nova Rede

luns, 21 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Este xoves 24 organízase en Bilbao unha cita que semella feita é medida de todos os que anden ese día por terras de Euscadi e que (amais diso) teñan especial interese polo que está a dar de si a Web 2.0: a Blogak 2.0. A xuntanza, organizada por HazRuido, Spri e La Caixa, desenvolverase nun espazo que a priori non ten moito que ver coas novas feituras e fondos da Sociedade da Información, pero si cun aquel de espírito innovador: o Museo Guggenheim. No transcurso do evento (que se poderá seguir en liña) falarase da Web 2.0 pero tamén doutras cuestións vinculadas que case sempre xiran arredor do lema “faino ti mesmo, se podes”: TV 2.0, Educación 2.0 e Mujeres 2.0.
Tamén se presentarán os cinco proxectos “mellores” proxectos europeos da nova orde de Internet (dentro do certame Startup 2.0, do que xa falamos os días pasados con motivo da concorrencia entre os 15 primeiros clasificados dunha iniciativa da nosa terra, Hipoqih) e, asemade, intervirá Rob Malda, o fundador de Slashdot, un dos bloggers de máis soleira actualmente en activo. Porén, a listaxe de actividades de Blogak 2.0 non remata aí, xa que tamén está prevista a entrega de premios HazRuido ás campañas de marketing viral máis salientables.
Para todas as persoas que non anden o día 24 por aquelas terras, cómpre dicirlles que será posible ver o acto a través da web do evento e, tamén mediante Twitter, posiblemente unha das ferramentas máis “Web 2.0” das que se teñen desenvolvido nos últimos tempos e que consiste no rexistro inmediato vía mensaxes curtas de todo o que nos acontece ó longo do día.
Polo que respecta á cuestión de Startup 2.0, sinalar que é un ambicioso concurso encamiñado a (cremos nós) identificar o dificilmente indentificable (polo menos, mentres o paso do tempo non achegue a súa valiosa perspectiva): as mellores propostas 2.0 de toda Europa. Como xa dixemos, entre os 15 primeiros dos 250 que participaron atopamos a iniciativa Hipoqih, que ten raizames galegas. Estes son os cinco que finalmente competirán na última etapa do concurso:
· Trivop: xeradores de vídeos estilo YouTube para hoteis. Francia.
· Properazzi. Buscador especializado 2.0 europeo de inmobiliaria. España-Francia.
· Sclipo. Xerador de vídeos para compartir habilidades. Pódese definir como unha especie de “bricomanía en liña”. España.
· 5min. Sistema para compartir vídeos de habilidades. Israel.
· 11870. Web para compartir lugares de interese. España.

PUBLICIDADE