Éxito de asistencia ao X Congreso de Periodismo Dixital de Huesca

xoves, 12 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Antonio Rull ilustrou como unha xornada sobre periodismo dixital había que facer uso de soportes analóxicos

Huesca acolle hoxe e mañá o X Congreso de Periodismo Dixital, evento que cumprindo coa tradición xa neste tipo de encontros, comezou con mal pé, pois nun local cheo de xornalistas que ían cos seus móbiles intelixentes e os seus portátiles era imposible conectarse á Internet, xa que a rede Wi-Fi veuse superada pola demanda, o que fixo que máis dun asistente optase polo papel e o bolígrafo para tomar notas do que alí pasaba. Tamén a páxina web que daba cobertura oficial ao evento tivo serios problemas de conectividade ao longo da xornada, o que facía sumamente complexo obter información actualizada.
Pero os problemas iniciais no Pazo de Congresos de Huesca non evitaron que o encontro superase o seu récord de asistentes con preto de 400 participantes, demostrando que esta cita está xa consolidada nun sector que pese a estar en crise continúa a estar moi activo.

Imaxe da primeira mesa redonda do Congreso

A xornada abriu cunha mesa redonda sobre o periodista empresa, que contou coa participación dos xornalistas todoterreo Ander Izagirre e David Beriain, acompañados polo fotógrafo Sergio Caro e coa moderación de Jaime Armengol. Reflexionaron sobre o seu traballo, pola súa conta, xa sexa coma cubrindo guerras como facendo reportaxes que foxen do traballo diario nunha redacción actual.
Outra das mesas na que participaron Koro Castellano (Unidad Editorial) e Rosalía Lloret (RTVE) moderados por Javier Blas (primeiro xornalista español en traballar para o Financial Times) tratou de iluminar o camiño para superar a crise do sector en 2009, o que para Castellano parece estar claro, pois non dubida en afirmar que «Internet é o futuro e é cara a onde temos que dirixir máis recursos. Non imos volver a vender tantos xornais como agora, e cando remata a crise non imos recuperar de todo o investimento publicitario». Lloret pola súa banda apuntou que é preciso deixar «de diferenciar entre Internet, radio, televisión… hai que pensar en algo que sirva para todo».
A tarde comezou cunha mesa redonda sobre o éxito na crise, no que predominou o optimismo, e o propio Gumersindo Lafuente (Soitu) dirixiu aos estudantes de xornalismo unha mensaxe de ánimo asegurando que «incluso que estean a despedir xente tedes que velo como unha oportunidade». Esta reflexión estaría moi ligada á mesa redonda seguinte, que trataba sobre a formación periodística desenvolvendo habilidades dixitais e, para rematar a xornada mirouse cara ao sector da telefonía móbil e doutras canles de ampliar audiencias.