Expertos de todo o mundo defenden no Congreso I+C o papel do particular na era global
mércores, 30 de xaneiro do 2008
É compatible o noso xeito de vida co dos axentes que concorren na sociedade globalizadora? Imos todas as nacións e todos os pobos dereitiños cara a un mesmo punto onde cada cousa que fagamos ou digamos non soe realmente distinta do que se fai ou di a cinco mil quilómetros de distancia? Dar resposta a estas preguntas e outras moitas (xa que unha pregunta sempre leva envolta a seguinte) son en boa medida a razón de ser do Congreso I+C (Investigar a Comunicación) que se vén de inaugurar este mércores 30 na Facultade de Xornalismo de Santiago e que ficará de portas abertas ata o venres 1 de febreiro.
O encontro, que vai dirixido a esculcar nos grandes cambios que está a sufrir o acto de comunicar (en parte debido á concorrencia das novas tecnoloxías), servirá tamén para acoller a posta en marcha da Asociación Española de Investigadores da Comunicación.
O acto de apertura da xuntanza, na que participan uns 500 profesionais de 25 países, veu da man de Nestor García Canclini, profesor emérito da Universidade de México e especialista nas consecuencias das novas ferramentas dixitais no acto de emitir e recibir información. Canclini ofreceu sobre todo unha visión positiva das utilidades da Sociedade da Información: “A revolución dixital que estamos a vivir crea beneficios como o acceso directo e simultáneo á información, democratizando a educación, mellorando o benestar da maioría e favorecendo as oportunidades de participar na vida política”.
No que atinxe ó papel das linguas e das culturas minoritarias, defendeu perante todas as cousas o respecto ó particular. Ó seu xuízo, cada sociedade e cada nación ten dereito ó seu propio modo de vida e se pensamos na información e no coñecemento como parte das relacións entre culturas pasamos a concibir de xeito distinto as relacións entre Oriente e Occidente ou diferenzas xeracionais.
