Expertos debaten en Madrid sobre métodos TIC contra a crise

martes, 11 de novembro do 2008 Raquel Noya

No marco da X Edición das Xornadas AUSAPE que se están a celebrar en Madrid, mañá mércores día 12 de novembro, no Pazo Municipal de Congresos da devandita cidade (Campo das Nacións), vai ter lugar o congreso Tics Vs Crisis, un evento no que os asistentes analizarán as posibles solucións para afrontar a crise económica a partires do emprego intelixente das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
O acto contará coa opinión de importantes cargos de institucións como Fundetec, IDC e Gartner, así como un alto representante de SAP, que dará a súa visión persoal sobre o devandito tema.
Asemade, a Madrid achegaranse unha serie de partners e consultoras de prestixio que proporán un amplo abano de fórmulas pensadas para axudarlle ás empresas a innovar, co obxectivo de “acadar un considerable aforro nos seus custos”.
As empresas convidadas ao devandito evento son IECISA, Seido, T-Systems e SAP Iberia.
Pero o que, sen dúbida, terá mellor acollida nesta X Edición das Xornadas AUSAPE será a presentación dun proxecto posto en marcha por Médicos Sen Fronteiras e premiado por SAP a través dos seus SAP Quality Awards, polo aproveitamento eficiente dos seus recursos para aforrar custes.
Médicos sen Fronteiras mostrará de xeito práctico as técnicas que aplicou para conseguir unha maior eficiencia nos seus sistemas pese “aos retos tecnolóxicos, orzamentarios s e de comunicación” aos que tiveron que enfrontarse.