Fademga Feaps Galicia recibe 14 ordenadores da Fundación Bip Bip
mércores, 29 de outubro do 2008
Pensando na influencia
que teñen as novas tecnoloxías á hora de facilitar a integración das persoas
con discapacidade dentro da sociedade actual e co fin principal de permitirlles
ás mesmas socializarse e intercomunicarse entre elas a través de Internet, a
Fundación Bip Bip vén de facer entrega de 10 ordenadores a Fademga Feaps Galicia, beneficiando, con
esta iniciativa, a 6 grupos de persoas con discapacidade intelectual
autoxestoras.
Esta dotación de
equipamento tecnolóxico complétase, asemade, coa concesión de outros 4
ordenadores ás oficinas do Servizo Público de Emprego que Fademga posúe nas
catro provincias galegas.
Ámbalas dúas entidades
asinaron un acordo previo á doazón no que se recollía o compromiso de desenvolver
de xeito conxunto a redución progresiva da fenda dixital existente nos sectores
máis desfavorecidos da sociedade. O obxectivo deste convenio é, segundo
apuntaron os seus precursores, “manter e
potenciar a autonomía persoal de cada usuario, así como axudarlle a comprender
e aceptar a súa realidade persoal”.
Con este material informático,
os dous colaboradores buscan que os beneficiarios do mesmo se introduzan ou
afonden máis, segundo o seu nivel de coñecemento previo, na alfabetización
dixital, no emprego de Internet e na ofimática, de xeito que todos estes
coñecementos adquiridos os poidan aplicar na súa vida laboral e na súa formación.
Beneficiarios
Os beneficiarios desta
axuda son 6 dos 11 grupos de autoxestores existentes nas asociacións federadas
en Fademga. Estes grupos son os pertencentes ás asociacións de: Apace, Apader,
Juan XXIII, Nosa Señora de Chamorro, AMIPA e Prodeme.
Os equipos informáticos
era unha demanda constante dos grupos de autoxestores das entidades incluídas
en Fademga xa que, deste xeito, disporían de tódalas ferramentas necesarias
para ter unha relación fluída e directa entre todos eles.
