Ferrol Vello organiza este sábado un maratón de fotografía dixital
xoves, 30 de agosto do 2007
A fotografía dixital ó servizo dunha comunidade pode ser o combustible para o proceso de normalización tecnolóxica e, amais diso, enerxía para afianzar as ligazóns entre os membros desa comunidade e entre eles co propio espazo no que habitan. Dito doutro xeito: se non lle atopas uso nin finalidade á Rede, pode que a cousa cambie co sinxelo acto de ver unha imaxe recoñecible da túa vila ou cidade pendurada na Internet. Isto, amais dunha vontade de dinamización cidadá, é o que latexa na maratón de fotografía Recoñecer o barrio que organiza a Asociación de Veciños de Ferrol Vello este sábado 1 de setembro.
Para participar nesta actividade, que que logo se completará cunha exposición no baluarte de San Xoán entre o 7 e o 14 do vindeiro mes, só é preciso acudir á cidade cunha cámara dixital e un “pouco de tempo de lecer”, a devandita xornada do sábado entre as 11 e as 14 horas.
O obxectivo da iniciativa é “tentar obter unha imaxe do barrio dende múltiples puntos de vista, de xeito que o conxunto permita amosar a todos os visitantes unha visión o máis ampla e orixinal posible”, sinala o devandito colectivo ferrolán.
Captura da cidade vella, vista no caderno en Flickr de Kenduko.
