Fiable medidor do estado de carga da batería do portátil

luns, 1 de decembro do 2008 Marcus Fernández

O medidor do estado da batería dos ordenadores portátiles baixo Windows non achega moita información, e se pode considerar que non é moi fiable, polo que podemos optar por instalar a aplicación de balde BatteryBar, que amosa na barra de tarefas unha icona co nivel de carga (verde con máis do 40% da carga, amarela ao achegarse ao 25% e vermella ao baixar do 25%) que tamén estima o tempo que tardará a batería en cargarse ou descargarse, e presenta información como a capacidade máxima de carga da batería, a capacidade actual, ou a taxa de carga e descarga. Pero o máis interesante de todo é que os tempos estimados de carga e descarga non se aplican conforme a unhas táboas de conversión fixas, senón que emprega datos históricos de uso, de xeito que se adapta á realidade, achegando unhas estimacións de duración da batería moi precisas, o que nos resultará de grande utilidade, e nos servirá para evitar sustos.