Ficod 2008 reunirá a 2.000 especialistas en contidos dixitais do eido internacional

mércores, 15 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Ficod 2008, o salón español da industria dos contidos dixitais, abrirá as súas portas o vindeiro 25 de novembro. A feira, que contará na apertura coa presenza dos príncipes de Asturias, desenvolverase ata o día 27 de novembro no Palacio Municipal de Congresos Juan Carlos I. Ao longo destas tres xornadas daranse cita, procedentes de toda España, Europa e América, profesionais dos eidos da televisión dixital, a publicidade, o cinema, a música, os videoxogos, animación, as publicacións dixitais, a formación en liña ou a publicidade ligada ás redes.
O encontro, que está promovido polo Ministerio de Industria, vai dirixido a converterse (segundo apuntan os seus responsables) no principal espazo de encontro da actualidade en materia de interacción e contidos dixitais no eido hispanoamericano.
O obxectivo primordial: afianzar a relación da industria dos que producen contidos cos que lles achegan canles.
Calcúlase que ao longo das súas tres xornadas, Ficod 2008 contará coa participación de 2.000 congresistas nacionais e internacionais.
Asemade, están previstas catro sesións plenarias, 22 mesas redondas e 18 obradoiros, amais dunha zona de exposición onde se darán a coñecer todo tipo de propostas innovadoras.