Firefox 52 di adeus a Java e Silverlight

martes, 7 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a versión actual do navegador Firefox continúa a ser a 51, dende hai unhas horas podemos descargar a versión definitiva en galego de Firefox 52 para Windows, macOS e Linux, ou sexa, que xa podemos gozar do novo Firefox que leva en probas dende o pasado 25 de xaneiro e que, aparte das correccións de rigor de cada actualización inclúe novidades moi interesantes, como a incorporación de soporte para WebAssembly (estándar emerxente que facilita a creación de aplicacións e xogos baseados na web que conseguen un desempeño case nativo), a activación do multi-proceso en Firefox para Windows (para usuarios con pantallas táctiles) e Enhanced Sync (que permite aos usuarios enviar e abrir lapelas dun dispositivo a outro).
Pero posiblemente o cambio máis drástico da nova versión de Firefox é a eliminación do soporte para engadidos para Netscape Plugin API (NPAPI) como son Flash, Silverlight, Java, Acrobat e outros, aínda que no caso de Flash farán unha excepción temporal. Esta medida estaba prevista para finais do ano pasado, e finalmente fíxose efectiva, dando un tempo máis que prudencial para que as páxinas web que facía uso de tecnoloxías obsoletas se adaptasen, quedando polo momento como principal rémora a tecnoloxía Flash da que a propia Adobe renega, instando aos desenvolvedores a adoptar solucións baseadas en HTML5.
Para rematar os cambios tamén é salientable a mellora na experiencia coas descargas en Firefox, que agora notifican na barra de ferramentas cando unha descarga falla, achega o acceso rápido ás 5 últimas descargas (en vez de ás 3 últimas) e inclúe botóns de maior tamamaño para cancelar ou reiniciar as descargas.

PUBLICIDADE