Freeraser permite borrar ficheiros definitivamente

luns, 23 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Cando borramos un documento do noso disco duro, incluso baleirando a papeleira de reciclaxe, fisicamente non se elimina o ficheiro, senón que se marca o seu espazo coma libre para que o poida ocupar outro documento, o que permite a súa recuperación mediante ferramentas especializadas, o que pode ser moi perigoso de cara á eliminación de documentos sensibles, e para solucionalo podemos optar por moitas solucións coma Freeraser, unha aplicación de balde que non precisa instalación e que elimina completamente os ficheiros do disco de xeito seguro e definitivo.
Cando se inicia a aplicación, aparece unha papeleira de reciclaxe nova no escritorio á que podemos arrastrar os ficheiros que queiramos eliminar definitivamente. O programa tamén conta con 3 modos de borrado de arquivos, de distintas velocidades, de xeito que o modo máis drástico (ultimate) repite o proceso de borrado 35 veces de xeito que fai totalmente imposible a recuperación do documento eliminado.