Fujitsu presentou en Compostela o seu proxecto de virtualización dun contorno empresarial: o Zero Client

martes, 25 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

O primeiro Foro Galego de Cloud que se celebrou a semana pasada en Santiago co obxectivo de achegar a realidade da computación na nube aos profesionais galegos (servizos de xestión empresarial máis en liña, menos custosos, máis accesibles) contou entre outros patrocinadores de renome coa presenza da multinacional Fujitsu. Esta, a través de Adriano Galano (consultor de tecnoloxía da dita compañía), deu a coñecer en exclusiva os segredos de Zero Client, unha das máis recentes novidades do mercado actual en materia de virtualización do posto de traballo. O servizo, presentado ao abeiro do laboratorio que a empresa habilitou nas sesións de tarde do foro, vai dirixido sobre todo a favorecer a virtualización e o mergullo nos cloud computing empresariais.
Este proceso significaría entre outras cousas a integración dos PCs da empresa no servidor e a posta en marcha dunha “pantalla intelixente” que, a xuízo de Fujitsu, achegaría un contorno laboral sinxelo e cunha doada implementación que fai o máis simple e inmediato posible o proceso de “enchufar e activar”. Ou sexa, que só habería que conectalo á alimentación, á rede local e incorporarlle un rato e un teclado USB para poñelo en marcha. Isto posibilitaría a instalación de até 100 equipos nunha única xornada.
Asemade, informou a multinacional, “non require un sistema operativo, procesador, aplicacións ou copia de seguridade de datos locais”. Con estes e outros procesos postos en xogo, o Zero Client redundaría nun aforro importante nos custes de xestión de infraestruturas, amais de minimizar os gastos enerxéticos que o feito de manter internos estes servizos implicaría. Sobre a súa feitura, sinalar que o Zero Client non é outra cousa que un terminal con menos estrutura externa aínda cós terminais lixeiros. Basicamente trátase dunha pantalla intelixente que non inclúe procesador nin discos nin, como dixemos, sistema operativo. O Zero Client conéctase a través dunha interfaz de rede e, no fondo, non suporía grandes cambios a nivel de traballo de usuario. A gran diferenza, fisicamente falando, reside en que non ocupa espazo nin xera ruído nin calor.

PUBLICIDADE