Fundamentos Web contará coa presenza de expertos en redes procedentes de Google, Flickr ou Technorati
martes, 2 de outubro do 2007
Semella que todo o mundo estaba a agardar a chegase o outono para organizar un congreso ou calquera tipo de evento relacionado coa Sociedade da Información. E logo pasa o que pasa: que non se pode atender a todo. O caso é que Fundamentos Web tamén pide paso, e vai cunha serie de boas razóns por diante: calcúlase que atraerá a 300 especialistas en desenvolvemento web de toda España e a unha boa cantidade de representantes de empresas de renome que fan hoxe na Rede case todo o relacionado co seu día a día. O congreso, organizado pola Fundación TIC e a Oficina Española do World Wide Web Consortium (W3C), non nos colle ós galegos e galegas precisamente lonxe, aínda que todo é relativo: será en Xixón, do 3 ó 5 de outubro.
No programa hai uns cantos puntos fortes que semellan especialmente dispostos para animarnos a percorrer a distancia ata Asturias: virán Tim Berners-Lee, un dos responsables da existencia disto que vimos chamando “Internet”, e Tantek Çelik, ex director de Tecnoloxía do buscador Technorati e fundador do Grupo de Protocolos de Multimedia Global. Tamén está previsto que interveñan expertos informáticos procedentes de empresas non precisamente de “segunda división” dentro do panorama tecnolóxico actual: Google, Adobe, Nokia, Flickr, a televisión Joost…
