GPUL organiza na Coruña as segundas xornadas sobre realidade virtual, deseño e software libre

mércores, 28 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) está a preparar xa as segundas xornadas sobre Informática Gráfica e Software Libre na Facultade de Informática da Coruña. A cita será o vindeiro martes día 6 de marzo, no salón de graos da devandita escola, e contará coa presenza de senlleiros especialistas en deseño (desenvolvemento en tres dimensións) e ferramentas de fonte aberta da nosa terra. Entre os asistentes, estarán Jacques Isaac, director técnico de Bren (quen fará fincapé na evolución e no emprego do software libre na animación, máis polo miúdo no caso de Pérez, o ratiño dos teus soños, recentemente recoñecida cun Goya) e Juan Javier Martínez, do proxecto Acuática (quen fará un percorrido polo pasado, presente e máis o futuro das aplicacións libres de usuario).
Nas xornadas tamén farán acto de presenza membros do VideaLAB (Grupo de Visualización Avanzada da UDC), concretamente Alberto Jaspe e máis Antonio Seoane, que falarán polo miúdo da experimentación do seu equipo en realidade virtual e visualización tridimensional en tempo real.
Segundo informa a organización, xa están dispoñibles os formularios para efectuar a inscrición nas xornadas, na web habilitada para as mesmas. Esta sinxela achega de datos, malia non ser obrigatoria, facilitará o traballo dos membros do GPUL e a recolleita de datos sobre asistencia.