Galicia Podcast Summit pecha tempada este mércores

luns, 24 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Galicia Podcast Summit prepara a súa última entrega da tempada, que terá lugar no centro de empresas Accede Papagaio da Coruña o vindeiro mércores ás 16:30, baixo o lema Como vivir do podcasting?. A cita, para a que está aberta a inscrición, abrirá cunha conexión remota con Alba Carballal, galega que dende Italia está a ofrecer contidos sobre Fórmula 1.
A esta intervención seguiralle unha mesa redonda sobre o tema central do encontro, coa participación de Jorge Marín Nieto (responsable de Al otro lado del micrófono, un metapodcast dedicado a impulsar o podcasting comentado novas, eventos, ferramentas ou experiencias persoais relacionadas co medio); a experta en marca persoal e podcasteira Mariam Veiga; o produtor, editor e mentor de podcasts corporativos, e responsable do podcast Comunicar, más que hablar, Jesús Pérez Santiago; e a consultora de márketing Lucía Ortega Rodríguez, unha das responsables do podcast Emprendedores Antifrágiles.
Completará a xornada unha presentación sobre os obradoiros de radio de Cuac FM.
Durante os meses de verán esta serie de eventos descansará, analizando o resultado das súas primeiras edicións para definir como será o seu retorno o vindeiro curso.