GaliciaTIC abre as súas portas este mércores cunha mesa sobre os retos da nosa transformación.

martes, 13 de outubro do 2020 S. P.

Este mércores 14 de outubro comeza a nova edición de GaliciaTIC, unha das grandes e máis referenciais citas do empresariado galego do sector das novas tecnoloxías. O encontro, que este ano cumpre a cifra nada desprezábel de 18 anos de historia, ten a día de hoxe preto de medio milleiro de persoas inscritas. GaliciaTIC comezará ás 9.30 horas deste mércores 14 no edificio CINC da Cidade da Cultura cunha mesa inaugural que avaliará os retos da transformación dixital en Galicia.
Nela participarán a directora xeral da AMTEGA, Mar Pereira; o presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), entidade que promove o foro, Luis Álvarez-Sestelo; e os máximos responsábeis das firmas tecnolóxicas EDISA, Carlos Suárez; Imatia, Fernando Vázquez; e Inycom, José Luis Latorre.
A mesa redonda será moderada polo director de GaliciaTIC 2020, Miguel Merino. Tras a sesión inaugural, e durante tres días, sucederanse relatorios, debates presenciais e sesións en modo webinar que analizarán, entre outros aspectos, cuestións tales como a necesidade de impulsar a creación dun ecosistema innovador ou os novos retos de seguridade para contornas SAP, o estado do 5G en Galicia; o traballo do futuro ou o desenvolvemento do blockchain na nosa Comunidade Autónoma.

PUBLICIDADE