GaliciaTIC bota a andar reivindicando a limitación da dependencia tecnolóxica do exterior

mércores, 19 de outubro do 2022 Redacción

Julián Cerviño, director da AMTEGA, participou está mañá na mesa redonda inaugural de GaliciaTIC, o foro que organiza dende hai 20 anos a Asociación de Empresas Tecnolóxicas de Galicia (INEO). O debate, sobre Crecemento, Dixitalización e Eficiencia foi moderado polo presidente da INEO, Luis Álvarez Sestelo, e contou tamén coa participación do CEO de Imatia, Fernando Vázquez; e o director de Edisa, Carlos Suárez.
Na súa intervención, o director da AMTEGA describiu un escenario caracterizado pola escaseza de materias primas, a inflación e a aceleración no uso das tecnoloxías provocado pola pandemia da COVID-19. Como consecuencia desta situación, destacou a necesidade de que as rexións aumenten as súas capacidades e infraestruturas propias para limitar a dependencia do exterior. Tamén salientou a oportunidade que representa para o sector tecnolóxico a necesaria transformación dixital das empresas e a extensión das xestións telemáticas e o teletraballo.
Neste sentido, resaltou que Galicia avanza nese proceso de especialización como demostran os datos sobre a evolución do denominado hipersector TIC. Segundo o último informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), en 2020 había na nosa comunidade autónoma un total de 2.961 empresas tecnolóxicas, o que representou un crecemento dun 2,2% con respecto ao ano anterior. Dende 2016, o número de empresas creceu un 15%.
Julián Cerviño lembrou que o OSIMGA destaca que se trata dun dos sectores con maior potencial de crecemento nos vindeiros anos e que, ademais, xera cadeas de valor co resto de axentes, empresas tratoras e sectores económicos. O hipersector TIC representa xa o 3% do PIB de Galicia, cun crecemento sostido nos últimos anos superior ao PIB xeral. Esa evolución reflíctese no emprego, que crece a un ritmo do 4,5 anual.
O director da Axencia destacou finalmente a importancia do desenvolvemento das tecnoloxías disruptivas como a Intelixencia Artificial, o 5G, a Intelixencia do Dato ou a Ciberseguridade. Neste sentido, referiuse a actuacións da Xunta como o Plan de posto dixital avanzado para persoal de emprego público, o Plan de Administración e Goberno Dixital, a implantación da estratexia Cloud no sector público, a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, os proxectos piloto de 5G e a creación dos nodos de colaboración 5G, GalicIA (de Intelixencia artificial), ou o CIBER.gal (de ciberseguridade).
Na sesión inaugural, Carlos Suárez, director de Edisa, destacou que a “transformación dixital é unha estratexia básica para aumentar a competitividade”. Suárez reflexionou tamén sobre as complexas circunstancias nas que nos atopamos, subliñando os efectos da posible recesión de 2023, a crise enerxética ou os problemas de subministracións. Fernando Vázquez Núñez, director xeral de Imatia, centrou parte da súa intervención nunha necesaria modernización da relación entre Administración e o sector TIC. Ademais, puxo o foco tamén sobre o talento, a especialización e “a dignificación da profesión” que se está producindo.

Mesas temáticas e feira de emprego

Tras a inauguración, GaliciaTIC continuou coa súa programación para este mércores. Así, Francisco dos Santos, de Gartner, ofreceu unha conferencia sobre a transformación dixital e datos. Acto seguido, sucedéronse mesas temáticas que versaron sobre a Imaxe, o vídeo e a intelixencia artificial, os retos de ciberseguridade no sector alimentario, as colaboracións público-privada ou os incentivos fiscais no ámbito da innovación.
GaliciaTIC continuará pola tarde coa gran novidade deste 2022: a Feira de Emprego TIC, que inaugura a directora xeral de Formación Profesional da Xunta, Eugenia Pérez Fernández, ás 16:30 h. Neste foro de talento mozo participarán máis 180 alumnos e alumnas de centros educativos de Galicia, así como trece empresas tecnolóxicas.

Mañá xoves

A actividade retomarase mañá coa segunda xornada do GaliciaTIC. Entre as citas previstas, destacan as que se centrarán na integración da cadea de valor no mundo da moda, na forza dos datos e nas novidades do Kit dixital, así como na acción da Oficina Acelera peme de INEO. As Oficinas Acelera peme, cabe lembrar, están postas en marcha en toda España por Red.es e contan cun orzamento global de 8 millóns de euros, dos cales Red.es achegará 6,3 e as entidades beneficiarias o resto. As actuacións están cofinanciadas con fondos FEDER da Unión Europea, no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 (POPE) baixo o lema Unha maneira de facer Europa.
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participará no peche do XX GaliciaTIC. O acto de clausura incluirá a entrega de recoñecementos a diferentes persoas e entidades colaboradoras que estiveron vinculadas ao longo dos anos con este foro organizado por INEO desde 2003.