GaliciaTIC celebra unha nova edición a semana que vén

xoves, 22 de xuño do 2017 Redacción

Baixo o lema Talento e innovación na era dixital, abrirá as súas portas a semana que vén en Santiago unha nova edición do foro GaliciaTIC. A cita, que recupera o formato de dous días, desenvolverase ao longo das xornadas do 26 e 27 de xuño no edificio CINC da Cidade da Cultura coa intención de divulgar tendencias, conectar talento e estimular o emprendemento no sector TIC galego.
Con catorce edicións ás súas costas, GaliciaTIC 2017 quere servir de escaparate para empresas e profesionais que desenvolven o seu labor profesional neste ámbito de actividade e como unha magnífica oportunidade para o debate e o intercambio de ideas sobre o estado do sector.

Divulgar tendencias

O foro pretende dar a coñecer as novas tendencias, analizar como se aplican estas en outros sectores e salientar aquelas que lideran as empresas TIC galegas. Para iso, expertos internacionais ofrecerán interesantes relatorios e impartirán masterclass para achegar as tendencias tecnolóxicas á realidade galega.
Tamén se organizarán mesas de debate para conectar persoas e empresas susceptibles de establecer relacións comerciais entre si. Neste sentido, asuntos como a transformación dixital, a ciberseguridade, as tecnoloxías intelixentes, o vehículo autónomo, a industria 4.0 ou o 5G serán os eixos centrais sobre os que virarán tanto os relatorios como os debates.
Xunto a isto, no foro a Plataforma Tecnolóxica Española para a adopción e difusión das tecnoloxías electrónicas, da información e a comunicación, Planetic, celebrará a súa IV Asemblea cunha xornada sobre sistemas intelixentes que contará con relevantes convidados representantes de IK4, CDTI, a plataforma de robótica HispaROB ou o Instituto de Micro-Nano Electrónica dependente do CSIC.

Conectar talento

No seu obxectivo estratéxico de conectar talento, GaliciaTIC 2017 ofrecerá dous eventos paralelos de gran relevancia para o sector. Durante a segunda xornada do foro, o martes 27, poñerase en marcha TALENTO.GAL, unha acción desenvolvida pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO) co apoio do IGAPE. A finalidade desta iniciativa, na que participarán profesionais galegos asentados no estranxeiro que traballan nas principais firmas do sector a nivel internacional tales como Cisco, Google ou IBM, é a de xerar sinerxías e abrir vías de colaboración de alto nivel entre o tecido empresarial galego da área tecnolóxica.
Xunto a isto, a novidade deste ano son as competicións de enxeñería, nas que equipos de non máis de catro persoas, estudantes ou profesionais, deberán resolver en tempo real un problema que lles expoña un organismo de referencia. Este ano haberá competencia en dúas categorías: Programación de drons e Programación de aplicacións no contorno Angular. Os gañadores, poderán levar a casa un dron Parrot ou un portátil Primux.

Estimular o emprendemento

Na edición deste ano de GaliciaTIC, refórzase un dos contidos que máis expectación xera sempre, o das batallas de emprendedores. Trátase dunha iniciativa en forma de debate sobre un ring, a modo de combate de boxeo, onde os emprendedores presentarán os seus proxectos empresariais. Ademais de darse a coñecer, os gañadores conseguirán un portátil da marca galega Primux, e poderán acceder aos talleres de ConnectingforGood e horas de mentoring baixo o paraugas do programa de ViaGalicia. Premios outorgados pola Xunta, o Consorcio Zona Franca de Vigo e Vodafone.

PUBLICIDADE